martes, 24 de marzo de 2015

POESÍA E ARTE. OH!, AS CORES.

Texto de Jorge Luján e ilustracións de Piet Grobler


Versos para enaltecer a beleza que nos rodea: o ceo, os froitos, os astros, a natureza... Un pracer para a vista e unha fonte de evocación para os demais sentidos.




O BEIXE 
adurmiñou na area
de tanto que o arrolou
a marea.

O AZUL 
está sempre arriba,
agás nalgunhas flores
e nos ollos da meniña.

A cor ROSA
fai o mesmo cás rosas,
perfuma
ata as máis pequenas cousas.

O AMARELO
roda polo ceo
coma umha moeda
de ouro morna.

Nunha pequena semente
cabe todo o VERDE,
cabe o trevo, cabe a ceiba,
cabe a selva enteira.

Ai!, LARANXA,
pequeno sol do horto,
dirán que te comín
e será certo,

Unha brasa acesa
pousou sobre o albedro.
Quen canta?
O VERMELLO.

O MARRÓN 
é un coco á deriva
ou un penedo
cun antílope encima.

Viu unha lagoa,
viu unha flor,
viu o solpor,
VIOLETA!

A noite vestiu
o seu traxe NEGRO
para que luzan máis belos
os ollos do universo.

Abre e pecha o seu abano
a lúa, moi paseniño:
BRANCO,
branquiño.


sábado, 21 de marzo de 2015

ABECEDARIO DA ARTE

Carlos Reviejo e Ana Moreno Rebordillos (autores)
SM (editorial)

Este libro percorre 29 obras de arte das coleccións Thyssen-Bornemisza e Carmen Thyssen-Bornemisza por orde cronolóxico e alfabético. Cada dobre páxina corresponde a unha letra e unha obra. Os textos son sinxelos e divertidos, ideados para que os nenos e nenas os comprendan e por medio deles se acheguen as obras. 

BOS DÍAS TÀPIES!

Mª Àngels Comella (autora)
Serres (editorial)


Eulalia ten una axenda especial na que anota todo o que lle gusta.
Na la letra t só hai un nome: Tàpies, ao que quere coñecer.
Acompañamos a Eulalia na súa aventura e entramos con ela na gran casa de Tàpies: descubriremos os seus cadros, as suas magníficas obras e a un xenio marabilloso. 

venres, 20 de marzo de 2015

ROSALÍA DE CASTRO IMAXE E REALIDADE

Fernando Pereira Bueno (autor)
Xerais (editorial)

Este libro constitúe o primeiro estudo iconográfico dedicado a Rosalía de Castro e pertence a un xénero bibliográfico un tanto distinto, que poderiamos chamar iconografía documental. Nel analízanse algunhas das interpretacións que da imaxe e do espírito da poeta fixeron os artistas plásticos de distintas épocas que axudaron a identificala plenamente. 

domingo, 15 de marzo de 2015

UN CADRO DE PICASSO

Claire d´Harcourt (tesxto)
Pablo Picasso (ilustración)
Xosé Ballesteros (traducción)
Kalandraka (editorial)


Despois do bombardeo de Guernica por avións alemáns no 1937, Pablo Picasso convirte o lenzo e os pinceis no seu medio de expresión contra a guerra, pintando de negro, gris e branco os seus efectos devastadores e os símbolos dun futuro esperanzador.


...

xoves, 5 de marzo de 2015

HISTORIA DUN PEQUENO PROXECTO II

Iniciamos un proxecto sobre as Meninas a partir do vocabulario da familia. Preparamos unha ficha onde os rapaces e rapazas investigaron acerca deste cadro e o seu autor. Escoitaron un pequeno vídeo da páxina do Museo do Prado e averiguaron cal era o “verdadeiro” nome do cadro, quen o fixera, en que ano e que significado tiña a palabra “menina”. 


Despois, era importante coñecer aos personaxes do cadro, saber quen eran e sobre o propio autor. Ademais, enmarcamos a pintura no movemento artístico do barroco sinalando catro pinceladas sobre el.
Como colofón, preparamos unha pequena exposición utilizando a técnica do collage.





martes, 3 de marzo de 2015

HISTORIA DUN PEQUENO PROXECTO i

O tema da arte é fascinante para todos e moi amplo. No ano 2014, outorgáronlle o Premio Príncipe de Asturias a Quino, o creador de Mafalda. Pareceunos fantástico porque as tiras cómicas dan moito xogo así que, en lingua castelá,  estivemos (e seguimos) lendo tiras de Mafalda onde traballamos a expresión oral facendo unha lectura expresiva, comprensión escrita onde interpretamos a ironía e os xogos de palabras pero tamén gramática (determinantes, acentuación, palabras con b, v...); e expresión escrita onde inventamos diálogos, creamos textos a partir dunha tira (por exemplo: un diario). Neste caso, borramos o que escribía Mafalda e cada alumno/a tiña que poñerse na súa pel e escribir o que podería estar pensando a nena.

Ademais, estivemos investigando sobre a rapariga e mailos outros personaxes: cando aparecen nas tiras, os seus gustos, ... pero tamén sobre o autor, Quino. Traballamos a liña temporal a partir da súa biografía online. Comprobamos as diferenzas básicas entre o español de América e o de España.